As
terras da Barbanza están situadas nunha península de extraordinario valor
paisaxístico, ecolóxico e arqueolóxico entre as rías de Muros e Arousa, en
plenas Rías Baixas. Na súa parte central érguese un enorme bloque
tectónico de granito orientado en dirección SSO-NNL a cuxos pés foron nacendo aldeas
mariñeiras que co paso dos anos acadaron un notable crecemento demográfico. A dureza
da paisaxe da serra, onde pace en liberdade gando vacún e cabalar, con miradoiros
espectaculares sobre as rías, contrasta coa calidez dos areais e as
lagoas da costa.
Se temos en conta a gran cantidade de xacementos arqueolóxicos existentes, a Barbanza tivo que estar moi poboada dende tempos antigos, tanto no interior, onde podemos atopar os conxuntos megalíticos da Arca da Barbanza, a Casota do Páramo, as mámoas de Sabucedo e Alto das
Brañas, infinidade de petróglifos e restos de castros e calzadas romanas
como a de Vitres ou a de Moimenta, como na costa, onde achamos restos de
castros prerromanos como os de Baroña, Neixón, Punta Ostreira, Porto de Baixo
ou A Cidá.
De non terdes moito tempo para coñecer esta comarca polo miúdo a
miña suxestión é que entredes pola ría de Muros e comecedes a ruta na vila de Noia, cun interesante casco histórico medieval como as casas góticas
do s. XIV da Xouba e da Rosa, o Pazo
do Forno do Rato, o Pazo
Dacosta, o Hospital de Adentro ou Casa da Gramática e algunhas das igrexas máis
interesantes da arquitectura galega como Santa
María a Nova
do s. XIV coas súas lápidas gremiais, San
Martiño do
s. XV ou San Francisco do s. XVI.
Seguindo a costa cara ao sur pasaredes por Portosín e Porto
de Son, turísticas
vilas mariñeiras. Nesta última está o Centro de interpretación do Castro de Baroña, que podedes visitar
antes de continuar viaxe ata o castro, declarado Patrimonio Artístico Nacional.
O castro de Baroña está situado nun lugar espectacular: unha
península rochosa, á beira do mar, dende onde se divisa ao lonxe a elegante silueta do
Monte Louro.
Otro monumento que non podedes deixar de ver é o dolmen de Axeitos, un dos mellor
conservados de Galicia, malia faltarlle o corredor de entrada. Para velo hai
que desviarse da costa e seguir a AC 550 que leva a Santa Uxía de Ribeira ata a aldea de Axeitos,
onde atoparedes un indicador que sinala o camiño a seguir para atopar o dolmen.
Dende Sta. Uxía podemos retroceder ata as dunas de Corrubedo, (de arredor de 2,5 qm. de lonxitude e entre 10 e 15 de altura, con dúas lagoas integradas, unha de auga doce, a de Vixán, e outra de auga salgada, a de Carregal), e logo seguir ata A Pobra do Caramiñal, un lugar vinculado a Valle Inclán e á súa obra, con casas
blasonadas como a Torre de
Xunqueiras,
a Torre de Bermúdez ou a Casa Grande de Aguiar. Dende a Pobra pódense
facer multitude de rutas tanto paisaxísticas como culturais. Entre as rutas
paisaxísticas está a da Curota, un mirador espectacular dende onde se divisan as rías a vista de
paxaro e onde atoparedes un busto de Valle Inclán, ou a ruta das piscinas naturais do río Pedras. E, como non, as rutas que seguen a costa comunicando sensacionais areais, rodeados de piñeirais por onde poderedes pasear, descansar ou tomar un relaxante baño. Dende a Pobra hai
que seguir ata Boiro, outro lugar de magníficas
praias, onde cómpre visitar o castro
de Neixón cun Centro de interpretación moi interesante.
A seguinte parada imprescindible é a vila mariñeira de Rianxo, berce de destacados escritores da literatura galega como
Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio, tamén con interesantes mostras arquitectónicas. E finalmente as Torres do Oeste de Catoira.