"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

A FERVENZA DE ÉZARO


A FERVENZA DO ÉZARO

A comarca do Xallas é un territorio atravesado por multitude de ríos e regatos entre os que destaca o Xallas, que descende ao longo de 64 qm. dende o monte Castelo por terras de Coristanco, Sta. Comba, A Baña, Zas, Mazaricos e Dumbría. Ao chegar a este último concello o Xallas acelera a súa pendente encaixado entre a mole granítica do Pindo e pasa a chamarse Ézaro, como as terras que atravesa. A comarca de Xallas ábrese paso cara ao mar entre a de Fisterra e a de Muros a través da fervenza do Ézaro, un cadoiro de perto de 40 m. de altura que se precipita no mar entre unha nube de auga que ascende monte arriba, escavando ao seu pé un pozo que xa ten máis de 16 m. de profundidade.
Entre os sete ríos de Europa que desembocan no mar en forma de fervenza, O Xallas é o máis caudaloso, unha marabilla da natureza que invito a ver a todos os que queiran ficar deslumbrados. Calquera pode achegarse ao pé da fervenza tanto de día como de noite grazas a uns potentes reflectores que proxectan a súa luz cara á auga. Para chegar a ela hai que seguir a estrada AC-550 entre Cee e Muros ata a aldea de Ézaro a alí desviarse pola pequena estrada que vai bordeando unha baía natural que protexe a mole granítica do Pindo, onde atoparemos un embarcadoiro e a antiga Fábrica de Luz. E ao final da baía, a fervenza, debuxando a súa vitoria sobre as rochas do Pindo cun ruxido atronador.
Pero o río Ézaro aínda nos ten reservadas outras sorpresas. Río arriba, entre a fervenza e o encoro de Sta. Uxía, pódense ver unhas cavidades circulares denominadas Pías ou Caldeiras, unha especie de piscinas naturais de augas cristalinas que se formaron ao longo dos séculos pola erosión das augas e os cantos rodados, onde un se pode bañar, controlando sempre antes de ir cando abren as comportas do encoro de Sta. Uxía.
Os que queirades ter unha panorámica xeral de toda a zona, collede a estrada que ascende monte arriba dende o aparcadoiro que hai diante da central hidroeléctrica. Atoparedes o miradoiro de Ézaro, a 273 m. de altura, cunhas vistas espectaculares do río, do monte Pindo, da praia de Ézaro e da ría Corcubión, cuxa entrada vixía sen desmaio o faro de Fisterra.
Unha vez visitados estes lugares regresade á aldea de Ézaro. Nela poderedes tomar o sol no areal que se extende diante as casas e tomar un refrescante baño no mar ou visitar o Centro de interpretación de rutas do monte Pindo, o Olimpo celta, onde vos poden indicar con detalle as diferentes rutas que se poden seguir para chegar ao cumio, ou ben outras como "As pegadas da historia", "As miradas ao Atlántico" ou a do "Castelo do Pedrullo".
Tanto Ézaro como O Pindo son pequenas aldeas mariñeiras cheas de tabernas onde poder saborear os produtos do mar que traen a porto os seus veciños e de sinxelos e encantadores hoteis onde poder pasar uns días marabillosos mentres coñecedes os arredores e percorredes os camiños e vieiros da bisbarra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario