"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

RUTA DA ESTACA DE BARES


Ver RUTA DA ESTACA DE BARES nun mapa máis grande

  RUTA DA ESTACA DE BARES

O cabo da Estaca de Bares é o norte do norte, un enclave espectacular que se introduce no mar Cantábrico e soporta impasible arremetidas de ventos e tempestades. Este é un deses lugares que un non pode deixar sen coñecer.

Para chegar aquí hai que seguir a estrada da costa (C-642) que vai dende Ponte de Mera a Viveiro e, á altura do Porto do Barqueiro, coller nun cruce á man esquerda a (AC-100) que conduce directamente ao Faro da Estaca de Bares. A estrada de arredor de 9 quilómetros é estreita, pero cunhas vistas impresionantes, e remata nun aparcadoiro onde se pode deixar estacionado o coche. 
Neste finisterrae o faro e a casa do fareiro son os únicos indicios de civilización. Se o fareiro está accesible tal vez vos ensine o faro por dentro, pero se non é posible, pódese bordear o edificio e continuar por un estreito vieiro cara á punta do cabo. Nesta zona a paisaxe é sobrecolledora e perigosa, especialmente en días de vento, porque nalgúns tramos o camiño discorre pola beira do precipicio. 
Se ides en primavera ou en verán veredes o chan tapizado de flores. Entre elas están as da ''Armeria maritima'', coñecida popularmente como “herba de namorar”, pero limitádevos a observala ou fotografala porque está en perigo de extinción.

De volta ao aparcadoiro e mirando cara ao leste hai unha senda que conduce a unha antiga base americana abandonada. Seguídea cara ao mar e atoparedes o observatorio de aves e unha serie de muíños construídos na pendente do cantil ata perto do mar. Despois de contemplar a paisaxe dende este punto podedes seguir andando, en bici  ou en coche ata o Semáforo, transformado na actualidade nun hotel cunhas vistas espectaculares sobre a ría do Barqueiro.

De non quedardes no hotel podedes baixar ata o porto de Bares, unha aldeíña de pescadores chea de tascas mariñeiras, cunha praia en forma de cuncha de augas cristalinas e un porto cun espigón de pedras ciclópeas de incerta datación: uns opinan que as súas orixes poden ser fenicias e outros romanas, o que parecen confirmar outros restos atopados na zona. 
Se tedes uns días para poder desconectar e descansar non o dubidedes; este é un deses lugares nos que se respira paz e tranquilidade. 
De quedardes podedes repartir o tempo entre a praia e os paseos. Hai unha ruta de sendeirismo que percorre o cabo todo arredor para disfrutar da natureza.

A un quilómetro e medio do porto de Bares está a aldea de Bares onde se poden ver antigos muíños de auga e de vento. Dende aquí pódese chegar ata a Cuncha da Dorna, á beira dos cantís da costa oeste, cunhas vistas extraordinarias da ría de Ortigueira e da costa do cabo Ortegal.

Seguindo pola estrada que leva ao Porto do Barqueiro atoparedes á dereita unha pista que vai ao Facho de Maeda, onde atoparedes unha garita restaurada dende a que se pode observar unha panorámica da costa. De novo na estrada que conduce ao porto do Barqueiro, un pouco máis adiante, tedes a opción de baixar ata o castro e a praia de Vilela, para descansar ou refrescarse cun relaxante baño no mar ou, pola contra, continuar ata o porto do Barqueiro, outro típico pobo mariñeiro situado na desembocadura do río Sor, mirando cara á ría do Barqueiro. A vila gabea monte arriba ao abeiro dos ventos do norte e acolle no seu porto unha pequena frota de barcos de pesca.