"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións

O PINDO, O OLIMPO DOS DEUSES CELTAS

Clica na imaxe para vela máis grande

RUTAS POLO MONTE PINDO


Coñecido tamén como o Olimpo celta, o monte Pindo, chan dos celtas supertamáricos, garda no seu seo restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas, a maioría de moi difícil datación; xigantescas rochas antropomorfas e zoomorfas que durante moitos anos foron consideradas obra dos celtas e abundante número de lendas de tesouros e seres míticos como serpes, mouras, fadas, bruxas...que poboan estes lares. O escritor D. X. Cabana pregúntase nun dos seus poemas: 
                                 Quen ten habitación nestes penedos
                                 de rosado esplendor, que pobo altivo
                                 se refuxia no monte duro e esquivo
                                 e coñece os seus íntimos segredos...

O Pindo está formado por varios outeiros e chairas formados en épocas prehistóricas: 
O monte Peñafiel, tamén chamado "monte sagrado do Pindo" é o que está máis próximo á fervenza do Ézaro. O seu cumio redondeado cun enorme penedo no medio fai crer a algúns investigadores que acolleu un ara ancestral que logo o xeneral Lucio Sextio dedicaría a Marte a partir do 24 a. C., pasando a denominarse dende aquela Ara sextiana. Pénsase tamén que, posteriormente, neste mesmo lugar, a igrexa compostelá construíu un castelo.
O Pedrullo, coñecido tamén como O Casteliño ou cerro de Sant Jiurgium porque acolleu dende o s. X a fortaleza de San Xurxo, construída para vixiar as costas de piratas normandos e turcos. Esta fortaleza estivo unhas veces baixo xurisdicción real e outras baixo a tutela da igrexa, ata que foi derrubada durante as revoltas irmandiñas.
O Chan das Lamas, unha extensa chaira que se extende ata o rego dos Muíños. Pénsase que parte desta chaira foi unha lagoa na que estivo ubicado un poboado lacustre. Noutros tempos foi o lugar de paso máis curto entre o Pindo e o val de Carnota.
O Chan da Mina onde houbo unha explotación de wolframio nos anos corenta.
A Laxe da Moaun miradoiro espectacular de 627 m. de altitude dende onde se divisa 360º arredor. 
Para subir ao monte Pindo poden seguirse varias rutas. A que parte da aldea do Pindo non é apta para todo o mundo porque ten unha subida moi pronunciada. O camiño sae dende detrás da igrexa e despois de atravesar un regato, continúa uns metros entre valados á sombra de piñeiros, loureiros e acrivros. O camiño segue logo o curso do regato, a cuxa beira irán aparecendo algúns muíños abandonados. Segundo subimos de cota o camiño vaise estreitando e a vexetación comeza a dar paso a rochas de estrañas formas e tamaños.
Algo máis arriba chégase a unha pequena chaira. Á dereita vese O Pedrullo. Pero a ruta continúa cara á esquerda. Deixamos á dereita o chan das Lamas e o outeiro do Naris, chamado así polos trazos da figura que alí se atopa. E continuamos ascendendo ata que chegamos ao chan de Lourenzo ou chan da Mina, unha extensa chaira na que se divisa á esquerda do camiño unha xigantesca figura antropomorfa coñecida como O Guerreiro
Se continuamos ascendendo en zig zag sorteando penedos e árbores chegamos aos pés da Moa, onde tamén se atopan restos de antigas edificacións e mesmo pedras gravadas. 
Mais se continuamos cara á esquerda imos dar a un lugar coñecido como a Casa de Xoana, unha cova que a erosión acabou convertendo nun túnel por onde o vento circula en total liberdade.
Para regresar, se non queremos baixar polo mesmo camiño, podemos baixar cara a Fieiro, unha aldea do concello de Mazaricos.

LEMBRADE:
  1. Antes de subir ao Pindo debedes ter moi claro o itinerario da vosa ruta.
  2. Non subades nunca con néboa nin con chuvia, porque podedes perdervos ou ter un accidente que se podería ter evitado.


Ver Roteiro circular ao Monte Pindo "para non perderse" nun mapa máis grande

A FERVENZA DE ÉZARO


A FERVENZA DO ÉZARO

A comarca do Xallas é un territorio atravesado por multitude de ríos e regatos entre os que destaca o Xallas, que descende ao longo de 64 qm. dende o monte Castelo por terras de Coristanco, Sta. Comba, A Baña, Zas, Mazaricos e Dumbría. Ao chegar a este último concello o Xallas acelera a súa pendente encaixado entre a mole granítica do Pindo e pasa a chamarse Ézaro, como as terras que atravesa. A comarca de Xallas ábrese paso cara ao mar entre a de Fisterra e a de Muros a través da fervenza do Ézaro, un cadoiro de perto de 40 m. de altura que se precipita no mar entre unha nube de auga que ascende monte arriba, escavando ao seu pé un pozo que xa ten máis de 16 m. de profundidade.
Entre os sete ríos de Europa que desembocan no mar en forma de fervenza, O Xallas é o máis caudaloso, unha marabilla da natureza que invito a ver a todos os que queiran ficar deslumbrados. Calquera pode achegarse ao pé da fervenza tanto de día como de noite grazas a uns potentes reflectores que proxectan a súa luz cara á auga. Para chegar a ela hai que seguir a estrada AC-550 entre Cee e Muros ata a aldea de Ézaro a alí desviarse pola pequena estrada que vai bordeando unha baía natural que protexe a mole granítica do Pindo, onde atoparemos un embarcadoiro e a antiga Fábrica de Luz. E ao final da baía, a fervenza, debuxando a súa vitoria sobre as rochas do Pindo cun ruxido atronador.
Pero o río Ézaro aínda nos ten reservadas outras sorpresas. Río arriba, entre a fervenza e o encoro de Sta. Uxía, pódense ver unhas cavidades circulares denominadas Pías ou Caldeiras, unha especie de piscinas naturais de augas cristalinas que se formaron ao longo dos séculos pola erosión das augas e os cantos rodados, onde un se pode bañar, controlando sempre antes de ir cando abren as comportas do encoro de Sta. Uxía.
Os que queirades ter unha panorámica xeral de toda a zona, collede a estrada que ascende monte arriba dende o aparcadoiro que hai diante da central hidroeléctrica. Atoparedes o miradoiro de Ézaro, a 273 m. de altura, cunhas vistas espectaculares do río, do monte Pindo, da praia de Ézaro e da ría Corcubión, cuxa entrada vixía sen desmaio o faro de Fisterra.
Unha vez visitados estes lugares regresade á aldea de Ézaro. Nela poderedes tomar o sol no areal que se extende diante as casas e tomar un refrescante baño no mar ou visitar o Centro de interpretación de rutas do monte Pindo, o Olimpo celta, onde vos poden indicar con detalle as diferentes rutas que se poden seguir para chegar ao cumio, ou ben outras como "As pegadas da historia", "As miradas ao Atlántico" ou a do "Castelo do Pedrullo".
Tanto Ézaro como O Pindo son pequenas aldeas mariñeiras cheas de tabernas onde poder saborear os produtos do mar que traen a porto os seus veciños e de sinxelos e encantadores hoteis onde poder pasar uns días marabillosos mentres coñecedes os arredores e percorredes os camiños e vieiros da bisbarra.