"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

Amosando publicacións coa etiqueta Rías Baixas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rías Baixas. Amosar todas as publicacións

AS TERRAS DA BARBANZA


As terras da Barbanza están situadas nunha península de extraordinario valor paisaxístico, ecolóxico e arqueolóxico entre as rías de Muros e Arousa, en plenas Rías Baixas. Na súa parte central érguese un enorme bloque tectónico de granito orientado en dirección SSO-NNL a cuxos pés foron nacendo aldeas mariñeiras que co paso dos anos acadaron un notable crecemento demográfico. A dureza da paisaxe da serra, onde pace en liberdade gando vacún e cabalar, con miradoiros espectaculares sobre as rías, contrasta coa calidez dos areais e as lagoas da costa.

Se temos en conta a gran cantidade de xacementos arqueolóxicos existentes, a Barbanza tivo que estar moi poboada dende tempos antigos, tanto no interior, onde podemos atopar os conxuntos megalíticos da Arca da Barbanza, a Casota do Páramo, as mámoas de Sabucedo e Alto das Brañas, infinidade de petróglifos e restos de castros e calzadas romanas como a de Vitres ou a de Moimenta, como na costa, onde achamos restos de castros prerromanos como os de Baroña, Neixón, Punta Ostreira, Porto de Baixo ou A Cidá.  

De non terdes moito tempo para coñecer esta comarca polo miúdo a miña suxestión é que entredes pola ría de Muros e comecedes a ruta na vila de Noia, cun interesante casco histórico medieval como as casas góticas do s. XIV da Xouba e da Rosa, o Pazo do Forno do Rato, o Pazo Dacosta, o Hospital de Adentro ou Casa da Gramática e algunhas das igrexas máis interesantes da arquitectura galega como Santa María a Nova do s. XIV coas súas lápidas gremiais, San Martiño do s. XV ou San Francisco do s. XVI.
Seguindo a costa cara ao sur pasaredes por Portosín e Porto de Son, turísticas vilas mariñeiras. Nesta última está o Centro de interpretación do Castro de Baroña, que podedes visitar antes de continuar viaxe ata o castro, declarado Patrimonio Artístico Nacional. O castro de Baroña está situado nun lugar espectacular: unha península rochosa, á beira do mar, dende onde se divisa ao lonxe a elegante silueta do Monte Louro.
Otro monumento que non podedes deixar de ver é o dolmen de Axeitos, un dos mellor conservados de Galicia, malia faltarlle o corredor de entrada. Para velo hai que desviarse da costa e seguir a AC 550 que leva a Santa Uxía de Ribeira ata a aldea de Axeitos, onde atoparedes un indicador que sinala o camiño a seguir para atopar o dolmen.
Dende Sta. Uxía podemos retroceder ata as dunas de Corrubedo, (de arredor de 2,5 qm. de lonxitude e entre 10 e 15 de altura, con dúas lagoas integradas, unha de auga doce, a de Vixán, e outra de auga salgada, a de Carregal), e logo seguir ata A Pobra do Caramiñal, un lugar vinculado a Valle Inclán e á súa obra, con casas blasonadas como a Torre de Xunqueiras, a Torre de Bermúdez ou a Casa Grande de Aguiar. Dende a Pobra pódense facer multitude de rutas tanto paisaxísticas como culturais. Entre as rutas paisaxísticas está a da Curota, un mirador espectacular dende onde se divisan as rías a vista de paxaro e onde atoparedes un busto de Valle Inclán, ou a ruta das piscinas naturais do río Pedras. E, como non, as rutas que seguen a costa comunicando sensacionais areais, rodeados de piñeirais por onde poderedes pasear, descansar ou tomar un relaxante baño. Dende a Pobra hai que seguir ata Boiro, outro lugar de magníficas praias, onde cómpre visitar o castro de Neixón cun Centro de interpretación moi interesante.
A seguinte parada imprescindible é a vila mariñeira de Rianxo, berce de destacados escritores da literatura galega como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio, tamén con interesantes mostras arquitectónicas. E finalmente as Torres do Oeste de Catoira.