"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

RUTAS DA COMARCA DO ORTEGAL


Porto de Cariño 

A RUTA DOS ROMEIROS: SAN XIAO DO TREBO E O CABO ORTEGAL
É unha ruta apta para todas as idades, e pódese percorrer tanto a pé como en coche ou bicicleta. Non obstante, os que poidades percorrela a pé disfrutaredes dobremente. 
Se chegastes en coche ata Cariño podedes deixalo aparcado na rúa do Campo, nos arredores do cimeterio, dende onde xa podedes ver o mar Cantábrico e, enfronte, do otro lado do mar, a Estaca de Bares.
Dende o cimeterio até San Xiao do Trebo, antigo asentamento romano, hai tan só dous quilómetros, polo que un pode ir paseando con calma, disfrutando da paisaxe. En San Xiao pódese visitar a ermida do santo, onde se celebra unha romaxe o derradeiro sábado de xaneiro, e refrescarse na fonte ou parar na taberna que está ao pé da estrada a degustar unha caldeirada de peixe acompañada dun bo viño. 
Dende San Xiao ao cabo Ortegal hai que percorrer un quilómetro e medio máis. A estrada vai primeiro subindo ata chegar a un punto en que baixa en picado ata o faro. As vistas son espectaculares, especialmente no traxecto final, dende onde semella que vas ao encontro do océano, a fundirte con el, como os tres aguillóns que emerxen das augas. A baixada en coche hai que facela con moito coidado porque estás á beira do precipicio. 
Xa na rotonda do faro tes a sensación de estar na proa dun transatlántico. Dende aquí divísase ao leste outra proa, a Estaca de Bares, e ao oeste a enorme parede dos cantís do Limo e da serra da Capelada.
O solo do cabo Ortegal e os seus arredores é un paraíso para os xeólogos porque as súas rochas formaron parte hai millóns de anos do fondo submarino. Destacan especialmente os gneis, as ecloxitas e as anfibolitas.
Pero como din que unha imaxe vale máis ca mil palabras... comprobádeo vós mesmos:
RUTA DO MONTE MAZANTEO  
Se visitades o cabo Ortegal nun día de verán e quedades a comer en San Xiao tedes dúas opcións para rematar o día: percorrer outros dous itinerarios pola mesma zona ou visitar calquera das praias que se atopan ao final do macizo de Mazanteo na parroquia de Figueiroa. Eu suxírovos a segunda opción para variar de actividade e gardar forzas para o día seguinte. 
Todas estas praias teñen acceso por estrada, e a algunhas, como a praia de Fornos, pódese chegar co coche ata a mesma area. Alí atoparedes un aparcadoiro onde estacionar o coche mentres disfrutades do mar e do sol. É unha praia ideal para familias con nenos pequenos e para persoas maiores. Se ides unha vez non poderedes evitar repetir. Aconséllovos que poñades a toalla na parte esquerda da praia, mirando de fronte o mar, porque é a zona máis abrigada e tamén a máis tranquila para o baño. 
Outra opción para os máis deportistas é deixar o coche aparcado nos arredores do cimeterio da Pedra, onde comeza a ruta, percorrela andando ou en bicicleta, pasar a tarde na praia, e volver de novo ata a punto de partida bordeando o monte polo lado da costa. E se aínda non é moi tarde, mesmo podedes desviarvos un momentiño ata o Castro da Moura e contemplar unha panorámica vespertina da ría de Ortigueira e o porto de Cariño dende outra perspectiva. 
Os que non teñan problemas de mobilidade teñen a opción de ir á praia dos Cabalos, unha praia que che fai sentir a sensación de estar en contacto coa natureza en estado puro. O acceso, agás cando está a marea baixa, é a pé, por un vieiro que transcorre en pendente a través dun monte de eucaliptus, e conleva o atractivo de ter que practicar alpinismo por un pequeno cantil para baixar ata a area. Pero merece a pena este pequeno "sacrificio" porque é un lugar máxico.


RUTA DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO
Se estades en Cariño e queredes seguir disfrutando de panorámicas espectaculares non deixedes de facer a ruta de Santo André de Teixido. Para elixir o punto de partida tedes varias opcións: Comezar no itinerario 2, Camiño do Faroleiro, que se inicia perto do cabo Ortegal, comezar no itinerario 3, Camiño do Limo, ou comezar na parroquia da Pedra. Se vos decidides pola derradeira opción, tedes que seguir a estrada Cariño a Pedra ata pasar unha gasolineira que hai á man dereita ao final da recta do Sagrón, onde atoparedes, tamén á man dereita, un cruce cun sinal que indica que por alí se vai a Santo André de Teixido. Aínda que eu vos recomendo que sigades calquera dos itinerarios anteriores porque teñen unhas vistas espectaculares.
En calquera caso as estradas irán ascendendo dende o nivel do mar ata chegar á Garita de Herbeira, o punto máis alto da Serra da Capelada, onde se poden contemplar os cantís máis altos de Europa despois dos dos fiordos noruegueses, cun desnivel de 613 metros sobre o mar.
Dende a Garita de Herbeira podemos realizar outro itinerario que conduce ata o Pico da Miranda, un espectacular miradoiro de perto de 500 metros de altura sobre a ría de Ortigueira, ou continuar coa ruta seguindo a estrada que atravesa a serra da Capelada,
Atravesada a serra na que pacen en liberdade cabalos e vacas, a estrada comeza a baixar ata chegar a un cruce. Se seguimos á esquerda chegaremos ata Cedeira e se seguimos adiante pola dereita a estrada irá baixando ata chegar a Santo André de Teixido, un lugar máxico do que di a lenda “que vai de morto o que non foi de vivo”. De aí que polo camiño poidamos atopar algunha ánima que non puido facer o traxecto en vida reencarnada nalgún animaliño do campo, sexan lagartos ou bolboretas. Non lles impidades seguir o seu camiño!
Probablemente o enclave de Teixido fóra un lugar de culto ancestral posteriormente cristianizado. As referencias máis antigas que se conservan do santuario pertencente á Orde de Malta remóntanse ao s. XII, aínda que a súa igrexa non comezou a ser construída ata o s. XVI. Hoxe en día é un lugar de pelerinaxe durante todo o ano, pero o día propio da romaría é o 8 de setembro.
Ao chegar á aldea atoparedes a ambos lados da rúa principal postos de venda de recordos atendidos polos veciños, que agasallan aos romeiros cunha poliña de “herba de namorar” para chamar a súa atención.  Deslizádella nun peto sen que se decate á persoa amada e ficará namorad@ do vós eternamente. Isto ben merece que lles merquedes como mínimo uns “Sanandreses”, figuriñas feitas polas mulleres con miolo de pan cocido sen levedar e pintadas de vivas cores cunha simboloxía relacionada co santo.
Xa dentro da igrexa, presidida pola imaxe de Santo André, veredes colgadas do teito barcas de pescadores e no chan figuriñas de cera representando cabezas, pernas, mans, porquiños, vacas, etc. Son as ofrendas dos peregrinos para que o santo interceda na súa curación ou como pago de telos salvado dalgún naufraxio.
Despois da visita ao santo baixade as escaleiras situadas á dereita da fachada principal ata a fonte do santo. Un cartel indicaravos que a auga non é potable, pero podedes expresar un desexo mentres botades unha miga de pan á auga; se aboia cumprirase e se vai ao fondo non. Pero sempre podedes intentalo outra vez. 
Na actualidade chegar ata San Andrés de Teixido non é difícil porque hai unha estrada que conduce ata o mesmo santuario, pero non hai aínda moitos anos o único acceso posible era unha corredoira intransitable que baixaba polo monte abaixo ata chegar á ermida, o que lle valeu ao lugar o sobrenome de “San Andrés de Lonxe” ou “San Andrés de Cabo do mundo”.