"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

A COMARCA DA ULLOA



RUTAS POLA COMARCA DA ULLOA
A comarca da Ulloa está situada no corazón de Galicia entre os concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso, unha zona atravesada polo curso alto do río Ulla e algúns dos seus afluentes, entre os que destaca o Pambre.

A RUTA DO CASTELO DE PAMBRE
Unha da rutas que vos propoño pode ter como punto de partida o balneario de PambreTrátase dunha ruta que se pode facer tanto a pé como en bicicleta ou coche, así que depende de cada un como realizala.
Dende o balneario báixase ata a ponte sobre o río Pambre e, despois de cruzala, cóllese a primeira pista á man dereita que vai bordeando o río ata que ascende para levarnos ata o castelo de Pambre, unha fortaleza construída por Gonzalo Ozores de Ulloa no s. XIV que conseguiu resistir os embates das revoltas Irmandiñas. 
O castelo de Pambre é un dos mellor conservados de Galicia, malia os evidentes sinais do paso do tempo.Se o queredes ver por dentro ten na porta un horario de visitas.


A RUTA DOS TORRENTES DE MÁCARA
Visto o castelo podedes subir ata a estrada (LU-4008), coller á man dereita dirección Ramil e descender arredor de dous quilómetros ata chegar a unha ponte sobre o Ulla. Antes de atravesala atoparedes á man esquerda unha pista que ascende entre 100 e 200 metros ata unha carballeira onde podedes deixar o coche. Despois de atravesala, a pista vaise facendo cada vez máis estreita ata chegar a uns prados dende onde xa se poden ver as fervenzas, pozas e rápidos de Mácaraun tramo do alto Ulla de case tres quilómetros que atravesa este lugar da parroquia de San Martiño de Ramil no concello de Palas de Rei, moi perto da súa confluencia co Pambre. A ruta río arriba transcorre por paraxes difíciles, con enormes penedas graníticas e selvática vexetación, que hai que ir sorteando ata chegar ao antigo balneario de Frádegas cuxas ruínas, medio ocultas pola vexetación, surxen á beira dunha ponte que atravesa o Ulla.
Esta é unha ruta difícil para nenos e persoas con problemas de mobilidade pero de gran beleza, ideal para expertos en rafting e para persoas que queiran entrar en contacto coa natureza en estado puro.

Outra ruta máis doada de realizar é seguir o río Ulla dende Mácara en dirección sur ata a confluencia do Ulla e o Pambre.