"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

RUTAS POLO SOR


O río Sor serve de fronteira natural entre as provincias da Coruña e Lugo e desemboca no Cantábrico formando a ría do Barqueiro. Os que pasedes uns días por estas terras dos concellos de Mañón ou do Vicedo non podedes marchar sen percorrer as súas ribeiras, refuxio dunha interesante flora e fauna autóctonas.
Ao longo dos seus 49 quilómetros de percorrido hai trazadas 6 rutas de sendeirismo de diferente dificultade por ambas marxes, así que tedes onde escoller. Se non sodes pescadores suxírovos que comecedes facendo a que está máis perto da desembocadura: Morgallón-refuxio de Ulló-Morgallón.

RUTA O MORGALLÓN-REFUXIO DE ULLÓ-O MORGALLÓN
Esta ruta de nove quilómetros e medio aproximadamente está situada na marxe dereita do río, polo tanto, no concello do Vicedo, na provincia de Lugo, e poden percorrela persoas de todas as idades con tal de que estean afeitas a andar. 
Se partides do Vicedo tedes que coller a estrada (LU-6404) ata a aldea de Poceira e continuar pola (LU-6413) que enlaza coa (LU-6401) ata O Morgallón. Aínda que tamén se pode iniciar a ruta no porto do Barqueiro e atravesar a ponte sobre o río Sor.
Entre Poceira e O Morgallón o río ensánchase facendo unha gran curva da que emerxe a illa de San Martín de Negradas, habitada na Idade Media por unha comunidade relixiosa. A súa proximidade á ribeira fai que sexa accesible con marea baixa a través dunha calzada (que tal vez teña as súas orixes na colonización romana). Suxírovos que fagades todo este percorrido a pé disfrutando destas paraxes.
De chegardes en coche ata O Morgallón podedes deixalo aquí e comezar a ruta. Unha opción para facela máis doada aos menos andadeiros é saír á mañá do Morgallón con comida e bebida para pasar o día, xantar no refuxio de Ulló e volver ata o punto de partida polo serán. Deste xeito pódese camiñar devagar, parando en todos os lugares que un queira para disfrutar da paisaxe. 
De virdes da parte de Ortigueira, no porto do Barqueiro  podedes coller a estrada (LU-6410) que atravesa o río Sor e continúa pola beira dereita do río ata enlazar coa (LU- 6404) que vén do Vicedo pouco antes de chegar a Poceira.
A ruta que parte do Morgallón vai seguindo o río toda a primeira parte do traxecto. Neste tramo veredes unha antiga minicentral abandonada, o encontro de río Barba co Sor e unha presa de retida para remonte dos reos. Un pouco máis adiante atoparedes unha telesilla colgante para cruzar o río, aínda que o seu estado actual non é o máis adecuado para aventurarse a subir a ela. A partir de aquí o camiño continúa ata chegar a un muíño de auga abandonado e finalmente a Ponte de Ulló, onde atoparedes un merendeiro para descansar e repoñer forzas.
Os biólogos interesados nos invertebrados de auga doce e nos insectos en xeral teñen aquí un paraíso. Libélulas, efémeras ou cabaliños do demo, entre outros insectos, sobrevoan polas ribeiras durante todo o traxecto.
O regreso ao Morgallón podedes facelo por onde viñestes ou ben continuar bordeando polo outro lado Monte Ínsua -chamado así porque está rodeado polo río Sor-, ata chegar de novo ás casas da aldea de Monte de Ínsua e finalmente, despois dunha pequena costa, ata O Morgallón.


RUTA REFUXIO DE ULLÓ-REFUXIO DA FURADA-PONTE DO PORTO
Se queredes coñecer o río Sor pola ribeira esquerda tedes que coller a estrada (AC-4401) que conduce ás Pontes de García Rodríguez un pouco antes de chegar ao porto do Barqueiro, vindo de Ortigueira á man dereita. Dende esta estrada parten numerosas pistas que conducen ás aldeas próximas ao río e tamén ata diferentes puntos do río. 
A primeira parada pode ser a aldea de Ribeiras do Sor, onde se atopa a finca Torre de Lama, cunha das plantacións de camelias máis interesantes e extensas de Europa. A segunda parada pode ser a aldea de Folgoso, dende onde podemos acceder ao refuxio de Ulló, punto da partida desta ruta de doce quilómetros de lonxitude.
Aínda non sendo difícil de percorrer e malia haber bancos para descansar cada pouco, esta ruta non é adecuada para persoas que non estean afeitas a andar ou teñen dificultades de mobilidade, porque hai tramos nos que hai que subir e baixar escaleiras.
Iniciada a marcha, e despois de andar arredor de tres cuartos de hora, chégase a unha ponte colgante e ao refuxio de pescadores da Furada. Aquí pódese facer un alto no camiño para descansar ou ben seguir ata a ponte medieval de Ponte do Porto, na que ainda se pode ver o marco que sinalaba o límite entre as provincias do Antigo Reino de Galicia de Betanzos e Mondoñedo. Aquí poderedes ver tamén a capela da Virxe do Porto a onde se ía noutrora de romaría.

RUTAS QUE PARTEN DE PONTE SEGADE
Continuando pola estrada (AC-4401) atoparemos un indicador que nos sinala a dirección cara á área recreativa de Ponte Segade. Dende este lugar parten tres rutas de sendeirismo, unha das cales nos leva ata o miradoiro de Augas Caídas dende onde se pode contemplar unha fervenza do río Seixo de arredor de 50 m. de altura que verte as súas augas ao Sor. 
A ruta, de oito quilómetros, transcorre primeiro pola marxe dereita do río Sor ata chegar á área recreativa de Fonte Cubelas, e logo pola esquerda ata chegar á fervenza, dende onde se pode subir ata o miradoiro de Augas Caídas por un estreito e pendente camiño.
Os que non poidan ou non queiran ir ata o miradoiro por esta ruta, teñen outra opción máis doada e máis curta para ver a fervenza: saír da estrada (AC-4401) por  unha pista anterior de aproximadamente catro quilómetros que se colle na parroquia de Caión e que leva directamente ao miradoiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario