"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

A RIBEIRA SACRA DO MIÑO

Iniciamos a ruta en Chantada seguindo o curso do río Asma e pouco despois de pasar A Ponte e Líncora desviámonos á esquerda en dirección á aldea de Belesar, de onde parten os catamaráns que realizan rutas fluviais polo Miño
A estrada estreita e de pronunciado desnivel descende sinuosa entre viñedos e bodegas ata chegar á beira do Miño. De cando en vez atopamos pequenos aparcadoiros para os tractores á entrada das viñas, moi oportunos para estacionar o coche uns minutos e contemplar as espectaculares vistas do canón do Miño. Xa en Belesar, atravesamos a ponte e continuamos á dereita seguindo o curso do río cara ao sur ata chegar á praia fluvial da Cova, un bucólico remanso cunha área recreativa onde poder descansar á sombra das árbores fronte ao meandro que forma o río para salvar o Cabo do Mundo. A partir de aquí a estrada comeza a ascender e alonxarse cada vez máis do río entre árbores e viñedos. Dende esta marxe pódense ver ao outro lado pequenas aldeas agochadas entre as boscosas abas da ribeira, completamente mimetizadas coa paisaxe, e paraxes imponentes como a península do castro de Noguerol, tamén coñecida como Cabo do Mundo, de 518 m. de altitude, da que temos unha panorámica privilexiada dende o miradoiro da Cova ou dende a igrexa románica de San Martiño da Cova de Seoane, a 1 qm. da praia fluvial. Logo, a estrada segue ascendendo ata Fión onde cómpre parar para ver o ecomuseo Pazo de Arxeriz, un extraordinario centro de interpretación etnográfico da contorna. A partir de aquí a seguinte parada depende das preferencias de cada un. Unha tea de araña de estradas secundarias conducen a un sinfín de aldeas cheas de sorpresas agradables que hai que descubrir. A miña suxestión é seguir a estrada CP-41-02 ata Eiré para visitar a igrexa de San Miguel e continuar logo ata Ferreira de Pantón para visitar o mosteiro cisterciense das Bernardas. Dende aquí temos moi perto San Fiz de Cangas, Santo Estevo de Atán e San Vicente de Pombeiro.
Dende San Estevo de Atán os máis aventureiros poden achegarse a Marce, na parroquia de Vilar de Ortelle e percorrer a ruta de sendeirismo que conduce á fervenza de Augas Caídasde arredor de 30 m. de altura, de difícil acceso no tramo final. Se ides, veredes un letreiro á esquerda da estrada que sinala o comezo da ruta antes de chegar a Marce. 
De volta de Augas Caídas o mellor é desandar o camiño ata chegar de novo á N-120 e seguila ata Monforte de Lemos, importante nó de comunicacións ferroviarias de Galicia. Se ben as súas orixes se remontan a épocas prerromanas, Monforte é unha vila medieval situada á beira do río Cabe, afluente do Sil, que conserva un patrimonio histórico artístico de gran importancia como a torre da homenaxe e o castelo dos condes de Lemos, o mosteiro benedictino de San Vicente del Pino, hoxe Parador de Turismo, o convento de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido como colexio dos Escolapios, o museo de arte sacro do convento das Clarisas, o barrio xudeu ou a ponte vella.

De Monforte sairemos pola estrada LU-617 dirección Chantada e a medio camiño entre esta localidade e Escairón colleremos a LU-3207 á dereita para visitar o Pazo de Tor, un dos pazos fidalgos mellor conservados de Galicia. Para chegar a el hai que pasar por Toiriz, Moreda, San Xillao de Tor, cruce á esquerda e Museo e Pazo de Tor.
Volvemos de novo á LU-617 dirección Chantada e enlazamos coa CRG 2.1 que segue ata Escairón. Aquí sairemos á dereita para realizar un xiro na glorieta e enlazar coa LU-5809 que conduce a Diamondi, a ruta máis curta, a 18 qm. do Pazo de Tor, para visitar a igrexa románica de San Paio de Diamondi e percorrer unha ruta de sendeirismo de case 3 qm. coñecida como Os Codos de Belesar, porque traza tres pronunciadas curvas para salvar a pendente de 300 m. que separa Diamondi de Belesar.
A ruta dos Codos de Belesar iníciase ao lado da marquesiña do autobús, fronte ao cimeterio de Diamondi, situado un pouco máis arriba da igrexa, e transcorre case totalmente entre soutos e carballeiras por unha calzada romana da que se conservan algúns tramos.








Restos de calzada romana  

No tramo final, o máis pendente, predominan as plantacións de viñas e pódense contemplar espectaculares vistas do Miño e dos viñedos e bodegas que parecen facer equilibrios na forte pendente da outra marxe do río.
Volvemos a Diamondi se non temos quen nos recolla en Belesar e seguimos a estrada cara ao norte pasando por Galegos, A Capela Vella e Fondo da Vila ata enlazar co corredor CRG 2.1 dirección Chantada. A menos de 2 qm. atopamos un cruce á esquerda que indica Santo Estevo de Ribas de Miño, a onde chegaremos despois de ascender arredor de 2 qm. 
Para continuar cara a Chantada hai que baixar de novo ata a CRG 2.1 e pasar o río Miño pola ponte nova.
Antes de chegar a Chantada podemos desviarnos á dereita en Tarrío para visitar a igrexa de Sta. María de Pesqueiras situada enriba do embalse de Belesar, con pinturas murais de gran valor no seu interior.
Volvemos de novo cara a Chantada e dende o barrio do Asma saímos pola mesma ruta do inicio, pero esta vez, pasado o barrio da Ponte, deberemos desviarnos á dereita para iniciar a ruta da marxe dereita do Miño. Por este lado a estrada transcorre sinuosa e sombría entre bosques de castaños, érbedos, sobreiras, carballos e algúns piñeiros, atravesada ás veces por torrentes que dirixen as súas augas en dirección ao Miño, como o río Fondós, que no seu tramo final salva vertixinosas pendentes con fervenzas de diferentes alturas. A de maior altitude podedes vela despois de pasar San Pedro de Erbedeiro, nunha curva cunha ponte que salva o Fondós, ao lado da imponente parede vertical do Penedo de Graúllo. Para vela en todo o seu esplendor hai que seguir uns 200 m. a estrada que comeza a ascender dende a ponte trazando pronunciadas curvas. Neste punto pódense ver espectaculares panorámicas da fervenza do Fondós, do Penedo de Graúllo, e uns metros máis adiante, do canón do Miño.


Penedo do Graúllo
A 3 qm de aquí atopamos a aldea de Chouzán onde está ubicada unha das igrexas románicas más espectaculares desta zona nunha paraxe impresionante: Santo Estevo de Chouzán. E aproximadamente 6 qm. máis adiante a de San Xoán da Cova. A partir de aquí continuaremos ata Os Peares, lugar de confluencia do Miño co Sil e o Bubal e das provincias de Lugo e Ourense. AQUÍ tedes información das igrexas deste último tramo.