"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

Amosando publicacións coa etiqueta mapas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mapas. Amosar todas as publicacións

RUTA DA ESTACA DE BARES


Ver RUTA DA ESTACA DE BARES nun mapa máis grande

  RUTA DA ESTACA DE BARES

O cabo da Estaca de Bares é o norte do norte, un enclave espectacular que se introduce no mar Cantábrico e soporta impasible arremetidas de ventos e tempestades. Este é un deses lugares que un non pode deixar sen coñecer.

Para chegar aquí hai que seguir a estrada da costa (C-642) que vai dende Ponte de Mera a Viveiro e, á altura do Porto do Barqueiro, coller nun cruce á man esquerda a (AC-100) que conduce directamente ao Faro da Estaca de Bares. A estrada de arredor de 9 quilómetros é estreita, pero cunhas vistas impresionantes, e remata nun aparcadoiro onde se pode deixar estacionado o coche. 
Neste finisterrae o faro e a casa do fareiro son os únicos indicios de civilización. Se o fareiro está accesible tal vez vos ensine o faro por dentro, pero se non é posible, pódese bordear o edificio e continuar por un estreito vieiro cara á punta do cabo. Nesta zona a paisaxe é sobrecolledora e perigosa, especialmente en días de vento, porque nalgúns tramos o camiño discorre pola beira do precipicio. 
Se ides en primavera ou en verán veredes o chan tapizado de flores. Entre elas están as da ''Armeria maritima'', coñecida popularmente como “herba de namorar”, pero limitádevos a observala ou fotografala porque está en perigo de extinción.

De volta ao aparcadoiro e mirando cara ao leste hai unha senda que conduce a unha antiga base americana abandonada. Seguídea cara ao mar e atoparedes o observatorio de aves e unha serie de muíños construídos na pendente do cantil ata perto do mar. Despois de contemplar a paisaxe dende este punto podedes seguir andando, en bici  ou en coche ata o Semáforo, transformado na actualidade nun hotel cunhas vistas espectaculares sobre a ría do Barqueiro.

De non quedardes no hotel podedes baixar ata o porto de Bares, unha aldeíña de pescadores chea de tascas mariñeiras, cunha praia en forma de cuncha de augas cristalinas e un porto cun espigón de pedras ciclópeas de incerta datación: uns opinan que as súas orixes poden ser fenicias e outros romanas, o que parecen confirmar outros restos atopados na zona. 
Se tedes uns días para poder desconectar e descansar non o dubidedes; este é un deses lugares nos que se respira paz e tranquilidade. 
De quedardes podedes repartir o tempo entre a praia e os paseos. Hai unha ruta de sendeirismo que percorre o cabo todo arredor para disfrutar da natureza.

A un quilómetro e medio do porto de Bares está a aldea de Bares onde se poden ver antigos muíños de auga e de vento. Dende aquí pódese chegar ata a Cuncha da Dorna, á beira dos cantís da costa oeste, cunhas vistas extraordinarias da ría de Ortigueira e da costa do cabo Ortegal.

Seguindo pola estrada que leva ao Porto do Barqueiro atoparedes á dereita unha pista que vai ao Facho de Maeda, onde atoparedes unha garita restaurada dende a que se pode observar unha panorámica da costa. De novo na estrada que conduce ao porto do Barqueiro, un pouco máis adiante, tedes a opción de baixar ata o castro e a praia de Vilela, para descansar ou refrescarse cun relaxante baño no mar ou, pola contra, continuar ata o porto do Barqueiro, outro típico pobo mariñeiro situado na desembocadura do río Sor, mirando cara á ría do Barqueiro. A vila gabea monte arriba ao abeiro dos ventos do norte e acolle no seu porto unha pequena frota de barcos de pesca.


A COMARCA DO ORTEGAL


Ver A COMARCA DO ORTEGAL nun mapa máis grande


Se Galicia é o confín de Europa, a comarca do Ortegal é o confín do confín. Situada entre o cabo Ortegal e a Estaca de Bares, entre o Atlántico e o Cantábrico, é terra de xente rexa, curtida polo mar e os vendavais, mais tamén aberta e
hospitalaria, que axiña te integra nas súas troulas e conversas.
A comarca do Ortegal é un lugar ideal para os amantes da natureza e a fotografía e un paraíso para xeólogos e biólogos.
A miña suxestión é que aproveites a primeira ponte que teñas para achegarte aquí. Están a agardar por ti estes cinco itinerarios.