"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

A COMARCA DA TERRA ALTA

A Veiga de Valdeorras con Pena Trevinca ao fondo

A Terra Alta é un extenso territorio montañoso situado no SE. de Galicia regado por numerosos ríos e regatos entre os que destaca o Xares, que descende dende Pena Trevinca ata acadar o curso do Bibei en Entrambasaugas; un territorio ideal para os amantes da montaña, onde o tempo e o espazo teñen características propias. 
Na Terra Alta o tempo transcorre repousado en consonancia cos ciclos da natureza: a plantación das patacas ou da remolacha, a sega da herba ou do centeo, a recollida das castañas, a matanza… e o espazo resulta intimidante. Vista de lonxe, a Terra Alta semella unha fronteira infranqueable, un horizonte de lombas e picos entrelazados sen a máis mínima discontinuidade que van ascendendo de norte a sur ata acadar alturas superiores a dous mil metros en Pena Trevinca (2127 m), Pena Negra (2123 m) ou Pena Survia (2112 m.). Mais, de perto, cando percorremos as estradas de montaña que comunican as pequenas aldeas, podemos comprobar que entre as lombas e os picos se extenden vales máis ou menos extensos, con matos, pradería para o gando e arboredo entre os que surxen de cando en vez tellados de pizarra e algún campanario barroco.
A capital da Terra Alta é A Veiga de Valdeorras, unha pequena vila que foi medrando á beira do Xares, á altura do encoro de Prada, onde se pode practicar a pesca ou os deportes náuticos.

O concello da Veiga é un dos máis extensos de Galicia e tamén o de maior altitude. Os seus dominios exténdense ata as serras do Eixe e A Calva. Mais a súa poboación está concentrada en 29 pequenos núcleos, agochados uns ao abeiro dos picos entre os vales da serra, e esparexidos outros nas zonas máis baixas seguindo o curso do Xares ou empoleirados nas numerosas lombas que rodean o val.




RUTA DE SENDEIRISMO ARREDOR DO ENCORO DE PRADA





Os que queiran pasear tranquilamente e sen dificultades poden percorrer cada día un tramo desta ruta que vai bordeando o encoro de Prada. Coñecida tamén como a SENDA VERDE DO XARES, é unha ruta circular, duns 30 kilometros de lonxitude, que parte da Veiga e atravesa as aldeas de Casdenodres, Castromarigo, Candeda, Prada, Corexido, Vilaboa e Santa Cristina ata volver ao punto de partida.

Ao longo desta ruta atopamos a fauna e a flora autóctonas que viven nas illas, praias, areais, aldeas ribeirás e pobos asolagados que imos descubrindo ao noso paso.

RUTA DA CÁNTARA DA MOURA

Trátase dunha ruta de menos dun qm. de lonxitude que nos conduce polas beiras do río Corzos. Os que queirades percorrela mirade os detalles AQUÍ.

RUTA DAS LAGOAS

Esta é unha ruta apta para xente que está afeita a andar por lugares difíciles e para os amantes da montaña. 
As pegadas da antiga actividade glaciar do Cuaternario fanse presentes nas lagoas de Ocelo (a 1530 m. de altitude) e a Serpe (a 1680 m. de altitude), ubicadas ambas na serra Calva. Apresadas no fondo de antigos circos glaciares, ambas lagoas permanecen conxeladas a maior parte do inverno. As dúas verten as súas augas ao Xares nas proximidades da aldea da Ponte, a 15 qm. da Veiga, dende onde se pode acceder a elas ben a pé ou en todoterreo pola pista forestal que conduce ata O Fial e logo a pé pola senda que chega ata as lagoas.


Para chegar á Lagoa da Serpe hai que ascender o Fial e descendelo logo polo leste, a cuxo pé se agocha como unha turquesa apresada entre as rochas da serra en contraste coa imponente mole de Pena Trevinca que se ergue ao leste no horizonte.
De ter tempo e non estar cansos, dende a lagoa da Serpe pódese continuar ata a Lagoa de Ocelo se estamos dispostos a andar, como mínimo, tres horas máis. Para iso hai que seguir un camiño estreito que sobe bordeando O Fial e logo avanzar sobre unha chaira ata chegar a un outeiro con enormes penedos. A partir de aquí comeza o descenso pola outra vertente ata que divisamos a pequena lagoa elíptica.
De querer facer as rutas en días diferentes, podemos chegar ata a aldea de Xares,a 12 qm. da Veiga, e seguir o camiño do Coto Montes de Xares.







A RUTA DE PENA TREVINCA

Ruta moi difícil, que transcorre por alta montaña, para a que cómpre ter unha preparación física adecuada. Para máis información podedes clicar AQUÍ. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario