"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". V. Risco.

galiciaconfindosverdescastros

A RIBEIRA SACRA DO SIL

No seu tramo final o Sil serve de fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense ata unirse co Miño na aldea dos Peares. Neste tramo o río avanza represado entre paredes case verticais de ata 500 m. de altura por dous encoros: o de San Pedro e o de Santo Estevo. Polo cumio destas paredes verticais discorren estradas sinuosas que conducen a pequenas aldeas e constitúen excelentes miradoiros sobre o canón do Sil. 
Para seguir a ruta do Sil podemos comezar nos Peares. Se chegamos dende a provincia de Lugo pola marxe dereita do Miño, atravesamos á súa marxe esquerda, xiramos á dereita para seguir a estrada dirección Ourense e atravesamos o Sil para enlazar coa N-120. Neste punto xiramos de novo dirección Lugo pola N-120 e, antes de chegar de novo aos Peares, collemos á dereita unha estrada que sube montaña arriba cara a Luíntra pasando por O Alcouce, Cruz da Moura, Monteverde. A 1 qm. de Luíntra veremos a necrópole das Cabanas ou da Moura, un campo de mámoas datadas entre 3500 e 2000 anos a. C. Desde Luíntra, terra de afiadores e paragüeiros como nos lembra a escultura que preside a praza da vila, podemos seguir ata o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na actualidade Parador Nacional de Turismo. Para chegar ao mosteiro hai que seguir a estrada OU-0508=CV-523 e desviar á esquerda pola OU-504. Aquí ademais do atractivo do mosteiro e da igrexa temos unha ruta de senderismo circular de case 10 qm. para coñecer a paisaxe da zona.
De continuarmos a ruta do Sil teremos que subir de novo ata a estrada principal CV-523 que continúa por Parada Seca, Alberguería, Cachaldora, Caxide... ata Parada de Sil. A estrada vai seguindo o curso do Sil a vista de paxaro e as paisaxes que se poden contemplar dende esa altura son asombrosas. Numerosos miradoiros sinalizados ao longo do traxecto, como o de Cabezoás, van indicando ao viaxeiro os lugares nos que pode parar. Pero o máis espectacular é o coñecido como los balcones de Madrid, ao que se accede collendo unha desviación á esquerda dende o centro de Parada de Sil. Antes de entrar nesta localidade atopamos tamén á esquerda un cruce coa indicación do mosteiro de Santa Cristina de Ribas Sil a 4,5 qm. Esta estrada descende monte abaixo protexida por unha frondosa vexetación autóctona ata chegar ao mosteiro, que apenas consegue asomar a súa torre por riba das árbores que o rodean. Dende o alto da torre pódese ver, moito máis abaixo aínda, o río Sil, polo que se poden ver navegar catamaráns cheos de turistas. 
De regreso a Parada de Sil continuamos pola OU-0605 pasando por Sacardebois ata chegar a San Lourenzo de Barxacova e ao río Mao. Aquí cómpre facer outra parada antes de continuar ata Cristosende, unha aldea singular cun casarío tradicional moi ben conservado e Teixeira, situadas ambas as dúas en lugares privilexiados sobre o canón do Sil. Dende aquí podemos ir a Santa Tegra de Abeleda e visitar as ruínas do mosteiro de San Paio de Abeleda e finalizar a ruta en Castro Caldelas.
Castro Caldelas, situada á beira da VIA NOVA romana, é unha pequena vila medieval que ten as súas orixes nun primitivo castro celta. Aquí podemos descansar e visitar o castelo e outros edificios adxacentes. Na rúa que sobe ao castelo está a casa na que viviu o ilustre fundador do Grupo Nós, Vicente Risco, hoxe convertida en hotel. Dende esta vila parten varias rutas de sendeirismo, como a ruta dos muíños, que comeza a dez metros do centro da vila.
Se continuamos a viaxe dirección Ourense podemos desviarnos ata Montedarramo para visitar o mosteiro de Santa María e o bidueiral. Logo podemos volver á C-536 e chegar a Vilariño Frío para ver a súa ponte romana, agochada entre a vexetación á marxe dereita da estrada. Seguimos dirección Ourense e despois de pasar o Alto do Rodicio comezamos a divisar unha panorámica do val de Maceda ata chegar ao concello de Xunqueira de Espadanedo. Aproximadamente no medio da vila atopamos á dereita, entre as casas, un cruce que conduce ao mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, onde está ubicado o concello na actualidade.
Para continuar o camiño temos que volver á C-536 e a 1,5 qm. atopamos un cruce á esquerda que conduce a Niñodaguia, famosa pola súa cerámica. Volvemos á C-536, continuamos ata Esgos e seguimos un qm. máis ata chegar a un cruce situado á dereita que conduce ao mosteiro de San Pedro de Rocas, situado nunha paraxe boscosa rodeado de vexetación autóctona e fontes de auga. Outro lugar delicioso para pasar o día. 
Para continuar o camiño deberemos volver ata o cruce e xirar á dereita para finalizar o noso percorrido en Luíntra, ou ben seguir dirección Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario